Xiralúa. Origins
Ola! Benvid@ ao noso recén estreado blog. Somos Sofía e Fernando, creadores da marca Xiralúa Estudio Creativo. Con este novo apartado da nosa web trataremos de traer temas relacionados co noso sector e que poidan ser do voso interese. Nesta ocasión, se che apetece coñecer como naceu esta aventura, convidámoste a seguir lendo este artigo.
Decorría o ano 2013. Ambos os dous provenientes de mundos paralelos vencellados coas humanidades, viñemos converxer nun máster de arqueoloxía buscando non sabemos moi ben o que. Esta é a nosa particular “prehistoria”. No ano 2015 puxemos en común dúas das nosas grandes paixóns: a artesanía e o deseño gráfico. Con estas ferramentas e un marcado carácter galeguista común, no verán dese mesmo ano emprendemos unha pequena viaxe, de feira en feira, pola comarca de Trasancos, tratando de vender colares de arxila, ilustracións, cadernos e algúns complementos téxtiles baixo o nome de Xiralúa. Por que ese nome? Pois ben, o nome da marca veu inspirado por unha canción do polifacético Aute. Tomamos prestada Giraluna, galeguizámola e “soñamos un xiralúa entre un mar de xirasoles”.


O comezo non foi doado e o ano seguinte voltamos insistir, participando en mercados de artesanía de festivais e festas populares aquí e acolá, sempre cos pés na terra e incluíndo pequenas melloras e novas incorporacións ao noso repertorio. Así mesmo, fomos descartando colares, broches e xogos (Ai!, ese Emparellados canto traballo deu!, mais que fermoso era…), e centramos a nosa produción en complementos téxtiles, como bolsos, moedeiros e estoxos con teas de deseño propio, complementando con cadernos, postais e láminas. Nesta altura quixemos incorporar tamén camisolas e bolsas de algodón impresas mediante serigrafía tradicional. Fixémonos, pois, cun brazo clásico de serigrafía, elaboramos marcos e unha insoladora caseira, e mercamos emulsión, tinta e malla. Conseguimos imprimir uns centos de camisolas e outro tanto de totebags… até acadamos a “carta de artesán” por estes traballos! Co tempo fomos delegando a impresión de sacas e camisolas a profesionais do sector para poder atender a outras tarefas e garantir a calidade do noso produto.
Cada ano tratamos de facelo un pouquichiño mellor e, grazas a xente que se interesou polo noso traballo, fomos expoñendo as nosas humildes pezas gráficas por diferentes locais que nos abriron as súas portas. Recordamos con agarimo a nosa primeira exposición no centro social do Fuscalho, na Guarda; posteriormente na Fundaçom Artábria, en Ferrol. Algunhas tendas boas e xenerosas, como a nosa querida Vella Fábrica de Lapis, puxéronse en contacto con nós, dando lugar a unha rede de colaboracións que nos permitirían chegar, máis adiante, a varios puntos da xeografía galega.
Co tempo, a base de fío e pedal, fomos mellorando a nosa confección de complementos téxtiles e conseguimos a calificación de taller artesanal baixo a marca Artesanía de Galicia. Do noso taller foron saíndo novos estampados e novas coleccións de mochilas, moedeiros, coleteiros, chaveiros e bolsos. Tamén no eido da ilustración seguimos a experimentar e explorar novos estilos, sempre coa cultura galega como fonte de inspiración.
Paralelamente a esta vida itinerante, foron xurdindo persoas interesadas na contratación dos nosos servizos gráficos, contribuíndo á nosa especialización nos eidos da ilustración, o branding e o deseño editorial. Grazas de corazón a todas elas por confiar en nós e brindarnos a posibilidade de mellorar a través das súas encargas.
Non queremos deixar de agradecer, tamén, a familiares e amizades que fixeron o noso camiño máis doado, sendo en moitos casos os nosos primeiros clientes e auténticos fans number one, converténdose por momentos en modelos, community managers, fotógrafas, deseñadores web (santa paciencia, Roberto), sen esquecer a clientes pasados, presentes e potenciais, e mais as tendas que apostaron polo noso traballo.
Grazas por seguir aí.