Branding

  • Creación do imagotipo PROENCIA

    Máis unha vez, voltamos cun tema do campo do branding: o deseño do imagotipo para o xacemento romano de Proendos, no Concello de Sober. Este traballo encargado polo concello por mediación de Tempos Arqueólogos, pretendía dotar ao proxecto arqueolóxico dun emblema recoñecible. Barallamos un par de opcións, mais tendo en conta que un dos elementos máis salientables que localizaron era un horreum, consideramos representar esta construción dun xeito orixinal.

    O isotipo deseñado para esta marca representa a primeira cata que se fixo do horreum desde unha perspectiva cenital, revelando eses tres piares e enmarcado por dúas liñas discontinuas que representan as balizas topográficas. Ademais desta imaxe de marca, deseñamos un panel informativo sobre o xacemento, realizamos unha reconstrución do horreum ilustrado e elaboramos cartelas para identificar diversos materiais localizados durante a excavación.

  • Restyling de Óptica Rubalcava

    Desta volta traemos ao blog a renovación de imaxe que deseñamos para Rubalcava Óptica & Acústica. O restyling consiste nun cambio na imaxe dunha marca cara os clientes. O logotipo anterior da óptica non chegou a calar na clientela, xa que sempre se referiron á óptica como Rubalcava, omitindo o “3D” que acoplaron no nome. Polo tanto, encargáronnos eliminar ese concepto para volver ás orixes e redeseñar a marca cun estilo máis minimalista e actual.

    Para a elaboración do isotipo tivemos en conta os dous campos nos que traballa marca: a vista e a audición. A propia tipografía, redondeada e informal, serviunos para construír a imaxe onde se poden distinguir uns lentes negros e un par de ondas de audio verdes a modo de orellas a ambas beiras dos lentes. A cor negra aporta seriedade e elegancia, mentres a cor verde transmite saúde e frescura.  


    Ademais do deseño da nova imaxe, elaboramos diversos elementos da papelaría corporativa como un modelo de carta A4, distintos tamaños de sobre, tarxeta de visita, cartafol A4 e cuño cos datos fiscais. A maiores, deseñamos as sinaturas de correo electrónico, unha tarxeta de seguro para lentes, varios paneis de ofertas e algunhas infografías informativas. Tanto a construción da marca como a súa aplicación sobre papelaría, redes sociais e merchandising, veñen recollidas no manual de identidade corporativa que elaboramos para asegurar un correcto uso da mesma.