Máis unha vez, voltamos cun tema do campo do branding: o deseño do imagotipo para o xacemento romano de Proendos, no Concello de Sober. Este traballo encargado polo concello por mediación de Tempos Arqueólogos, pretendía dotar ao proxecto arqueolóxico dun emblema recoñecible. Barallamos un par de opcións, mais tendo en conta que un dos elementos máis salientables que localizaron era un horreum, consideramos representar esta construción dun xeito orixinal.
O isotipo deseñado para esta marca representa a primeira cata que se fixo do horreum desde unha perspectiva cenital, revelando eses tres piares e enmarcado por dúas liñas discontinuas que representan as balizas topográficas. Ademais desta imaxe de marca, deseñamos un panel informativo sobre o xacemento, realizamos unha reconstrución do horreum ilustrado e elaboramos cartelas para identificar diversos materiais localizados durante a excavación.