Desta volta traemos ao blog a renovación de imaxe que deseñamos para Rubalcava Óptica & Acústica. O restyling consiste nun cambio na imaxe dunha marca cara os clientes. O logotipo anterior da óptica non chegou a calar na clientela, xa que sempre se referiron á óptica como Rubalcava, omitindo o “3D” que acoplaron no nome. Polo tanto, encargáronnos eliminar ese concepto para volver ás orixes e redeseñar a imaxe cun estilo máis minimalista e actual.
Para a elaboración do isotipo tivemos en conta os dous campos nos que traballa marca: a vista e a audición. A propia tipografía, redondeada e informal, serviunos para construír a imaxe onde se poden distinguir uns lentes negros e un par de ondas de audio verdes a modo de orellas a ambas beiras dos lentes. A cor negra aporta seriedade e elegancia, mentres a cor verde transmite saúde e frescura.
Ademais do deseño da nova imaxe, elaboramos diversos elementos da papelaría corporativa como un modelo de carta A4, distintos tamaños de sobre, tarxeta de visita, cartafol A4 e cuño cos datos fiscais. A maiores, deseñamos as sinaturas de correo electrónico, unha tarxeta de seguro para lentes, varios paneis de ofertas e algunhas infografías informativas. Tanto a construción da marca como a súa aplicación sobre papelaría, redes sociais e merchandising, veñen recollidas no manual de imaxe coporativa que elaboramos para asegurar un correcto uso da mesma.